artistas-1

2016 Castelao, del 4 de febrero al 4 de marzo.

  • 19/01/2016

A Galería Montenegro súmase con esta mostra á celebración do Ano Castelao, que coincide co centenario da creación das Irmandades da Fala, movemento onde o artista, escritor e político rianxeiro tivo un papel sobranceiro

A obra plástica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950) comeza entre o rexionalismo e o simbolismo realizando escenas de forte costumismo.

Figura chave do pensamento, a literatura, a política e a arte galegos, el mesmo desenvolvera o primeiro grande paso da pintura galega de preguerra tendente a superar os modelos rexionalistas. A súa obra evoluciona, superando o inicial dominio da anécdota costumista e a influencia modernista, cara a un realismo social de influxo popular e expresionista. A súa preocupación popular non é xa a da visión distanciada, esteticista e burguesa dun Sotomayor ou da maioría da pintura galega máis anecdótica, senón que o artista proxecta unha ollada que parte dunha identificación co representado. A obra de Castelao salienta pola captación psicolóxica do home galego, do mundo cotián, e pola súa inquietude polos problemas das camadas populares con que sente unha identificación que é froito dun achegamento e comprensión dunha intensa fondura, intelectual, político e afectiva ao tempo, da que son boa proba debuxos do Album Nós (1916) ou os de Cousas da vida (1926-1933).

Mais estas preocupacións elabóranse por medio dunha coidada construción plástica. A súa obra delata unha constante atención á linealidade cunha notoria evolución estética que parte das formas modernistas para chegar a un expresionismo singular. Arte popular, primitivismo e expresionismo son algunhas das constantes da súa obra. A recepción do expresionismo de corte centroeuropeo percíbese nos seus debuxos sen que desapareza a linealidade e o tratamento de superficies de influxo modernista e referentes simbolistas. As paisaxes dos anos vinte son obras en que prima a captación emotiva da natureza, debedoras deses influxos modernistas e en que se poden observar ecos das estampas xaponesas, tan de moda na arte europea desde finais do século XIX, estes trazos tamén se poden percibir nos seus debuxos.

A súa obra culminante son os álbums de guerra Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos (1938-39), en que atende máis ao claroscuro, con textos moi breves, chegan tres palabras para significar e subliñar a escena debuxada, cunha influencia expresionista ben explícita, e que abala nos seus elementos referenciais entre o Goya das pinturas negras e a arte alemá das primeiras décadas do século XX, que el tivo ocasión de coñecer de primeira man nos anos vinte.