artistas-1

2018 EXPOSICIÓN: URBANO LUGRÍS “Pintor Maior do Mar” del 05.10.2018 al 05.11.2018

  • 17/09/2018

URBANO LUGRÍS, PINTOR MAIOR DO MAR

 Carlos L. Bernárdez

 Urbano Lugrís (A Coruña, 1908- Vigo, 1973) é xa recoñecido como unha das grandes figuras da arte galega do século XX, sendo un dos artistas que desde o comezo da posguerra realizan unha obra máis relevante. Pintor dunha extremada singularidade, dono dun mundo paisaxístico cheo de maxia e estraña beleza que entronca co surrealismo, mais que tamén evoca co seu etéreo estatismo o mundo quatrocentista ou os primitivos flamengos, en especial as súas fabulosas paisaxes con tonalidades azuis, grises e verdes que frecuentemente dialogan nos seus cadros con abondosos obxectos, tratados cun pormenorizado preciosismo.

Dentro da intensa orixinalidade que transmite, na súa pintura podemos percibir a pegada do ambiente cultural da súa etapa formativa, o que lonxe de restar personalidade á súa obra, permite valorizar mellor o seu traballo inserido no seu contexto xeracional e nas correntes europeas da época da súa formación.

Lugrís é home de ampla e polifacética personalidade, dunha grande bagaxe cultural, que, ademais, no seu periplo vital puido compartir proxectos e labores con figuras centrais da arte e literatura da súa xeración, a formada nos anos finais da década dos vinte e durante a República.

Toda a obra de Lugrís é enormemente orixinal mais nunca illada, nin falta de referencias. É a súa unha pintura que bebe do realismo máxico da arte de entreguerras, tanto que podería estar presente o seu traballo sen desentoar nun libro como o famoso Realismo máxico. Post expresionismo (1925) do crítico de arte alemán Franz Roh. En común co realismo máxico a pintura de Lugrís manifesta unha evidente ambivalencia entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe. Non debemos esquecer este ámbito artístico xeral porque cando Urbano Lugrís comeza a súa obra el, e o medio intelectual en que se forma, están moi ao tanto do acontecer no mundo da arte en Francia, Italia e Alemaña, países en que se desenvolven neses anos os realismos de entreguerras

Neste sentido, a pintura do noso artista ás veces lembra a Giorgio de Chirico ou a metafísica e en ocasións o surrealismo máis canónico, non faltando na súa produción creacións dun explícito onirismo surrealista (Sen título, 1964) que se podería emparentar, diferenzas de estilo á parte, con Rene Magritte, Paul Delvaux, Salvador Dalí ou Óscar Domínguez.

Como precedente seu, entre os pintores galegos, poderiamos sinalar a Francisco Miguel (A Coruña, 1897-Carballo, 1936), pintor asasinado ao comezo da Guerra Civil, un artista ligado á vangardista revista Alfar e esteticamente achegado aos presupostos do realismo máxico europeo de entreguerras que, sen dúbida, Lugrís coñeceu no ambiente cultural republicano d’A Coruña en que se formou o noso pintor.

Deste contexto proceden as meticulosas composicións de tema mariño, frecuentemente abertas á paisaxe desde unha xanela, tan caractísticas de Lugrís. Con este recurso o pintor separa nitidamente interior e exterior conseguindo unha construción clara, síntese da visión paisaxística e da natureza morta, velaí exemplos como Islas Cíes; Tríptico Vello Vigo; Bodegón de medusas ou A illa (1945). Estes elementos manteñen un equilibrio dotando as composicións dun ar que lembra a obras da Nova Obxectividade alemá, na súa vertente maxicista.

Lugrís era un artista que, alén da indubidábel pegada que amosou coa súa persoal obra, construíu unha figura en moitos aspectos irrepetíbel e que deixou un riquísimo anecdotario real e en moitos casos imaxinario, que para moitos -como tamén lle aconteceu a Álvaro Cunqueiro- puido chegar a borrar a súa auténtica dimensión e valía artística e intelectual, que no seu caso non se limita á pintura, senón que se prolonga na ilustración de revistas, no traballo publicitario (Banderín Gaiteiro; Banderín El Mosquito; Pescanova; Fiesta del marisco) e na  literatura.

Fillo do notábel escritor Manuel Lugrís Freire –que chegou a ser presidente da Academia Galega-, o noso pintor ten tamén unha forte débeda co mundo literario, un mundo que xorde na primeira etapa formativa e nel está presente, ocupando un papel sobranceiro, o universo pondaliano en que se movía o seu pai. Cómpre lembrarmos que Manuel Lugrís Freire foi asiduo visitante da Cova Céltica, en que Eduardo Pondal era figura central e que o celtismo do poeta de Ponteceso foi crenza indiscutíbel no mundo cultural galego das primeiras décadas do século XX.

Este punto de partida, este ambiente intelectual que se respiraba na súa familia, está na orixe do mundo artístico do pintor e tamén do escritor que foi Urbano Lugrís, transmutado como poeta e narrador en Ulises Fingal, navegante e bardo, heroe homérico e céltico ao mesmo tempo.

Nos textos literarios e nos diferentes testemuños que nos deixou o pintor, o contexto creativo de Urbano Lugrís pintor e de Ulises Fingal escritor é practicamente o mesmo, os propios títulos dos seus cadros poderían ser versos dalgunha das súas composicións literarias. Neste ámbito a súa maior aventura foi a fermosísima revista Atlántida, creada n’A Coruña en 1954 e na que colaborou como ilustrador e poeta, compartindo arelas con escritores e artistas como Mariano Tudela, Álvaro Cebreiro, Miguel González Garcés ou Antón Avilés de Taramancos, que sería un dos seus grandes amigos deste tempo.

Algúns dos seus textos desta altura como La balada del puerto de Os son todo un compendio da súa concepción estética co seu mundo onírico, poboado de mariños, illas viaxeiras, sal, fragatas e un “litoral de grises coordenadas” que entre soño e sombra é un bo retrato e unha excelente evocación da súa mellor pintura.

Outros exemplos desta ligazón estética entre o pintor e o poeta son textos como Mensaje a Manuel Antonio, Homenaje a Julio Verne, Diálogo de pescador y la sirena ou o moi curioso Requiem na morte de Picasso en que evoca a estadía infantil do pintor cubista n’A Coruña nunha linguaxe formal debedora do neotrobadorismo á que incorpora moitas das referencias características da súa pintura: vilas sulagadas, sereas, ondas…

A escolla de referentes literarios en Lugrís é todo menos casual e vai ser parte substancial da súa pintura. Jules Verne é a aventura en estado puro, a vontade de abertura a novos mundos desde a ollada do neno que quere voar e navegar, que quere ao tempo ser o Capitán Neno e viaxar á lúa. Manuel Antonio é naturalmente o poeta navegante cunha actitude que se materializa nun individualismo inconformista e posuidor dun universo mental e dunha actitude evidentemente antiburguesa. Para Urbano Lugrís o autor de De catro a catro é o poeta maior do mar, o “Gran Señor de los Pazos del Mar”-como di no poema que lle dedica-, para o que navegación é a experiencia vital.

Capítulo á parte merece o tratamento da temática galega por parte do pintor. Ao longo dos anos corenta e cincuenta a súa pintura é tamén representativa do momento que vive a nosa cultura e das dificultades para a súa expresión pública. Lugrís incorpora ás súas táboas temas da tradición cultural galega, é o que acontece no Tríptico de San Gonzalo. Segundo Álvaro Cunqueiro, en que parte duns textos de Álvaro Cunqueiro sobre unha lenda medieval galega, ligada aos ataques normandos nas nosas costas e á intervención milagrosa do santo e incorpora a representación dunha estela discoidal e debaixo dela o logotipo do grupo Ultreya, organización xuvenil nacionalista de antes da Guerra Civil, co tríscele. A mensaxe en clave é moi elocuente. Na mesma liña hai que situar o cadro Berbés (1943) coa referencia á lírica medieval, inserindo un libro, a xeito de natureza morta, co nome de Martín Codax e enriba unha vieira.

Cómpre lembrar que para a cultura galega, en pleno proceso de construción no período anterior á Guerra Civil, a literatura medieval era un referente redentor ao redescubriren o xenio creativo galego nos primeiros tempos da lingua, redimíndoo do esquecemento. No contexto dunha cultura acosada, como a da posguerra, esta reivindicación é un acto celebrativo, xa que a literatura das orixes estaba desaparecida –igual que a nosa cultura moderna era negada-; estamos, pois, perante un acto salvador que quere proxectarse desde o pasado para o futuro. Os escritores, e tamén os pintores, achan daquela nas nosas orixes literarias un lar, que se converte en causa dunha nova fascinación e permite recrear un imaxinario común, afastado no tempo mais vivamente sentido como propio, mítico, cálido e misterioso ao tempo.

Na difícil supervivencia da posguerra este sentido do referente medieval aínda se agudiza máis, ao ser dos poucos aspectos culturais galegos algo tolerados polo réxime, xa que o entende desde un arcaísmo máis ou menos inofensivo.

En Lugrís, pintor maior do mar podemos apreciar este particular mundo do artista que acabamos de evocar, coas súas escenas submarinas (Leyenda de Dromench), paisaxes mariñas (Marismas de Betanzos; Marina, 1965; El arca de Noé) e interiores (Paisaje; Trasouto, 1965), decote resoltas por medio de composicións ateigadas de obxectos e pequenas figuras (Romería, 1971), cunha tendencia marcada ao horror vacui e enchoupadas dunha intensa galeguidade. Nestas composicións, de formatos diversos, algunhas de auténtico ourive (Praza de la Constitución), enxergamos o seu paisaxismo máxico, de inquietante atractivo. Estamos frecuentemente perante pinturas que partindo dun carácter aparentemente anecdótico acaban por se conformaren como creacións de enorme orixinalidade. Nelas o artista constrúe paisaxes e naturezas mortas que funcionan como reflexos do eu. A natureza recreada, os seres quiméricos e os obxectos son un retrato do mundo referencial do artista: illas, sereas, buguinas, barcos, mapas, medusas, paisaxes…, ficando o elemento humano elidido, do que é un excelente exemplo o cadro Sen título (óleo/táboa, 35×68 cm.).

Nas obras de Lugrís, en que o referente barroco é evidente, dáselle volta ao valores históricos do estilo. Se nas naturezas mortas barrocas os obxectos podían adquirir un valor moralizante, a pintura do artista coruñés deita tamén un sentido simbólico, mais dun simbolismo que aposta pola subxectividade do eu, en que o mundo representado posúe a maxia, a saudade e a estática estrañeza que o mundo ideal do autor defende .

Tamén abrocha unha evidente arela de abertura a novos mundos, nunha vontade que entende o oceánico como experiencia vital, cunha actitude que se materializa nun individualismo inconformista e posuidor dun imaxinario e dun sentido vivencial claramente anticonvencional. Urbano Lugrís é o pintor maior do mar para el este medio é o universo da travesía e da singradura que flúe nun mar que é tránsito, compendio da existencia e de onde todo sae e a onde todo torna, isto é, a máis profunda esencia da vida.